Thomas Barbey |
TRES LUMES E UNHA TORRE
(fragmento)
( Nun campo de estrugas que é o fondo do mar, os homes vexetais...E nalgures o Ollo da rapaza
Agne, cen veces amplificado como un globo que non é para nada a terra)
- Unha palabra
- Escóitote
- Un sol rebotou sobre a baixamar cuxas rochas son ollos esfregados mais non pulidos; dous cans, deitados na lúa, xogan entre eles con tres ollos de ouro que mudarán en falsos dentes...Mais déixame falar de ti
- Non digo máis que unha palabra. Digo que o mundo vira veloz na máquina do teu corazón...Pero fala! Fala!
- Non vives nun fantástico castelo estrado de lousas de bágos xeadas?
- E eu que sei?
- E os leitos son levantados polos tremores dos mortos que a túa man sangrante, que non treme, coroan en vida, rei das tebras?
- A miña razón sangra. Se a miña man sangra é que mergullou no teu peito onde abre o peteiro o ovo do armadillo. Teño agochado un vaso ardente que agarda agora na miña man. Mírame...Xa tes os ollos vidrosos!
- Teño moitos mares en min, sabes? E nos meus ollos, dous petos conformas dúas reservas. Mais pon atención... Eu son un torrente...Pódote arrastrar!
- Eu xa caín de algures!
- Vouche dicir agora quen es ti, de onde es...
' Ti es o fondo da miña presencia, o desbordamento do meu pensar pantasmagórico. Para liberarme, deixei medrar un corpo antes da mala herba, e ese corpo é a túa persoa onde chanto o meu puñal como un alfinete no reverso da miña roupa...Podes verme?
- Véxome nun espello.
- Vesme? Non ves a luz que parece dirixir os teus pasos para mellor te perder?
- Vexo tres lumes que semellan perdidos. Oh! Dime o seu final, díllelo!
- Está na miña man onde medra un abceso fragmentado en tres cunchas vermellas. Se reducimos as cunchas, faise un ovo cristalino do cal renacerás.
- Que representan as cifras 3por3?
- Son os meus dez dedos mortos, dos cales só un me quedou por che facer sinal en nós.
- Daquela somos dous a andar coa cabeza gacha. Fálame de nós! Somos UN só en dobre sentido?
- Somos a unidade da auga e do lume, do crime e da súa proba, da morte e o seu nome, do estupro e do baleiro. Formamos unha cadea dobre coas miñas noites de anguria e os teus días de soño; apenas nos tocamos...Mais os DOUS habemos morrer segundo o labirinto das nosas veas, e un seguirá ao outro nunha curta duración de sangue.
' Fíxente para me servires de contrapeso'
- Daquela nós somos ti! Ah vivo! Vou vivir!....
..........................................................
JEAN-PIERRE DUPREY: Derrière son double, 1950
Oleg Tselkov: Cinco caras
Ningún comentario:
Publicar un comentario