03/07/11

ROGER GILBERT-LECOMTE




A SANTA INFANCIA 
OU
A SUPRESIÓN DO NACEMENTO


Falarei do negro
Boneca de porcelana
Enterrada no humus dunha selva esquecediza e traidora
Onde danzan os esqueletes cos seus vestidos de arañeiras
De follas mortas reducidas a encaixe


Falarei do negro
Ao soplo das cavernas
Cunha terra de fungos fosforescentes


Falarei do negro aos tímidos caracois
Falarei do negro
Á chuvia á feluxe
Ao redondel de auga de lúa queda no fondo dos pozos
Aos bocois que rolan nos sotos no medio da noite
Cando a dama branca xeme


Falarei do negro
Á outra cara dos espellos
Falarei do negro


Do inmortal tormento
Do máis vello desespero
Fronte ao mundo ausente
Cando todo sexa branco


Daquela falarei de ver
Así que adurmiñe
Esa muller que quedou durmida
Chorando sobre a terra
Admirable cabeza de morta
Velada de negra esperanza da nenez esnaquizada


Unha ollada torva bate as ás
Perto do leito baleiro e ensanguentado
Haberá que linchar á parida
Polo antigo crime do Limbo


O que naceu morto e retornou ao seu lugar de orixe
Non dará creto ao día mentido polo sol
O ar negro non lixa o limiar do seu peito
Sen que latexe o seu nariz
Sen que o seu ollo se entreabra no acordar atroz


Coa vida renegada antes de existir
No canto de nacer retorna
Polo fío que une o embigo co cenit
Ás fontes de cristal das marabillas do baleiro


Le miroir noir (1939)






OS CATRO ELEMENTOS


Se digo Lume o meu corpo envólvese en chamas
Digo Auga e o Océano vén morrer aos meus pés


Nave baleira submersa nun cristal sólido
Momia oca agrilloada polos xeos e entón digo Ar


Digo Terra e o naufraxio bota raigames e dorme
Baixo as follas ao vento da árbore do seu corpo


Coa súa boca o ensoño enxendra unha rama de ouro
Coa súa boca terrosa que exhala os pulmóns
Estrondosa follaxe enfrontada ao céo


Vermellas méses ao sol de medianoite e de morte


Testament (1955)






A ETERNIDADE NUN PALPEBREXO


A Arthur Adamov


Quen ve o seu dobre fronte a fronte debe morrer


Derradeiro termo do drama para o vidente senlleiro
Espello un ollo olla un ollo que o olla
Ofertado e non aceptado don puro e puro rexeitamento
De extranxeira que xa non pode máis que xa non pode máis
Doante que bebeu nas fontes do insulto


Teima do reflexo xeado sombra baleira
Dese dobre que se revela máis un mesmo que un
Simulacro refutado da claridade mentireira
Perdida en ondas de sombra en sombrizas augas de morte


Milagro da ollada que olla o ollo que frecha
Unha olla invertida axexante asasina
Provocadora
Asasinato chámanlle suicidio no xogo da morte


Inmortal que pasa a través do espello
Pupila contraída por un acto puro destruír
É a estrela-pantasma con alma de lume negro
O punto cero no seu propio interior vibrante


O ollo devorará o ollo no punto cero do eterno




Testament (1955)











SEN COMENTARIOS


coa tixola invertida
fríteme aí un par de ovos
comereinos de vagar
cando veña de regreso
da eternidade



Ningún comentario: