26/12/13
18/12/13
UN FEIXIÑO DE MILAGROS
Un milagro corrente:
que haxa tantos milagros correntes.
Un milagro ordinario:
o ladrido de cans invisibles
no silencio da noite.
Un milagro coma tantos outros:
que unha nube miúda e lixeira
sexa quen de ocultar a lúa chea e compacta.
Moitos milagros nun:
un ameneiro a reflectirse na auga
que se vexa invertido de esquerda a dereita
e que medre alí coa copa cara abaixo
e que non chegue ao fondo
pese á pouca profundidade da auga.
Un milagro cotián:
ventos de lixeiros a moderados,
ballóns no medio do trebón.
Un milagro calquera:
as vacas son vacas.
Outro milagro, quéirase ou non:
esta horta e só esta,
desta pebida e só desta.
Un milagro sen frac nin copete:
pombas brancas en desbandada.
Milagro, porque como se non chamalo:
hoxe o sol saiu ás trece e catorce
e porase ás vinte cero un.
Un milagro que nunca sorprenderá o suficiente:
unha ma ten menos de seis dedos,
pero máis de catro.
Un milagro e abonda con abrir ben os ollos:
o mundo omnipresente.
Un milagro tan adicional como adicional é todo:
o impensable
pódese pensar
WISLAWA SZYMBORSKA: Homes na ponte, 1986
30/11/13
LEI CONTRA O CRISTIANISMO
LEI EN CONTRA DO CRISTIANISMO
Promulgada o día da salvación, día 1 do ano 1 ( o 30
de setembro de 1888, segundo a falsa cronoloxía ao uso).
Artigo
primeiro.- Considérase pecadenta toda forma que vai contra
natura. A caste de home máis pecadenta é o cura, pois ensina a ir contra
natura; contra o cura non valen razoamentos; non cabe máis que a cadea
perpetua.
Artigo
segundo.- Toda participación nun servizo diviño constitúe
un atentado contra a moral pública. Cómpre ser máis inflexible cos protestantes
que cos católicos, máis inflexibles cos protestantes liberáis que cos
protestantes ortodoxos. Conforme nos achegamos á ciencia, aumenta o que ten de
criminal o feito de ser Cristián. Por conseguinte, o máis criminal de todos os
criminais é o filósofo.
Artigo
terceiro.- Será arrasado o lugar maldito en que o Cristián chocou
os seus ovos de basilisco; e, como lugar infame da terra, será o terror de toda
a posteridade. Nel medrarán serpes pozoñentas.
Artigo
cuarto.- Exhortar a castidade constitúe una incitación
pública a ir en contra da natureza. Todo desprezo da vida sexual e toda
impurificación dela ao alcumala de “impura”
representa o verdadeiro pecado contra o espírito santo da vida.
Artigo
quinto.- Todo aquel que sente a comer cun cura quedará
expulsado, posto que facendo iso estase
autoexcluíndo da sociedade da xente decente. O cura é o noso chandala, é dicir,
o tipo máis baixo da sociedade. Deberá, pois, ser proscrito; deixarase morrer
de fame e será guindado a calquera deserto.
Artigo
sexto.- A historia “sagrada” chamarase de agora en diante
historia “maldita”, que é o nome que merece. Para rebaixar e designar os
criminais empregaranse termos do tipo “Deus”, “salvador”, “redentor” e “santo”.
Artigo
sétimo.- Todo o
demais dedúcese do dito anteriormente.
FRIEDRICH NIETZSCHE: O anticristo
Cometario a pé de páxina: Parece mentira que unha lei tan breve e chea de contido teña máis de cen anos de historia e aínda ningún goberno dos que se consideran laicos se animase a promulgala e facela cumprir para beneficio xeral da poboaciónmundial. Unha semellante debería facerse no mundo islámico para que ese beneficio fose para todas. E como é que sucede isto? Ben, eu creo que o mesmo Nietzsche debeu quedar asustado do escrito que concebiu pola maneira en que nolo legou. A lei anticristiá adosouna ao manuscrito do Anticristo a modo de epílogo e a continuación tapouna cun folio en branco, de maneira que para descubrila houbo que ver o último folio a trasluz. Naturalmente, as primeiras edicións do libro non a incluían e a lei liberadora da escravitude cristiá non verá a luz na imprenta ata 1961 da era da infamia. Cousas da computoloxía. Cada vez enténdese mellor por que a flamante e apestosa nova lei de educación LOMCE desterra o estudo da filosofía como materia obrigatoria, está claro que non pretende máis que novas xeracións de consumidores compulsivos. Ao ministriño que a impulsa eu recomendaríalle encarecidamente a lectura de Nietzsche en versión orixinal, estou segura que co apelido que ten podería abordala sen dificultade.
Pero claro, para ler e entender é necesario algo máis que o coñecemento do idioma. Fai falta mentalidade aberta e amplas miras e este home, Werty, semella non ter nin unha cousa nin outra. Coma todos os políticos en xeral, parece que o único que lle sobra é unha capacidade ilimitada e inasequible ao desalento para facer o máis monstroso dos ridículos. Coa filosofía, desaparecen tamén como materias obrigatorias da educación secundaria as artes plásticas, a música e a tecnoloxía. Ou sexa, señor Wert, non queren vostedes ninguén cun mínimo de autosuficiencia mental, nin de creatividade manual, nin de autoxestión tecnolóxica
. Non vaia ser que naza en España cañí un nietzsche que se lle poña a dar a volta a todo e empece a dicir por aí con razoamentos irrefutables que España non existe, nin existiu nunca, nin nunca existirá. Que empezamos de cachondeo e despois un nunca sabe onde vai parar o conto. Así é que todo dios a misa e ás rebaixas!
02/11/13
DIMO CANTANDO: XABIER BLANCO, ao rescate dos sons máis primitivos.
X
PEQUENAS xoias da literatura e da música popular rescatadas da memoria colectiva por este moañés que tivo o privilexio de xogar dende pequeno polos promontorios do Paralaia, con vistas panorámicas a toda a ría de Vigo e ao mar tenebrorum dos vellos conquistadores. A habilidae do pobo para extraer música dos obxectos máis cotiáns é extraordinaria e éntranlle a unha ganas de empezar a petar en todo. Pon po rron pon porron pon por ron pon.......ai lala la la la la la la!
27/09/13
19/07/13
Do pasar de largo / FRIEDRICH NIETZSCHE
Pasando así, de vagar por entre a xente e por moitas cidades, Zaratustra regresaba dando rodeos á súa montaña e á súa caverna. De súpeto chegou tamén á porta da gran cidade; pero alí saiu ao seu encontro un bufón botando escumallo pola boca e cos brazos extendidos. Era o bufon coñecido como "o mono de Zaratustra", pois imitaba un pouco o xeito e o ton dos seus discursos e a miúdo bebía na fonte da súa sabedoría. e o bufón faloulle deste xeito a Zaratustra:
" Oh, Zaratustra!, velaquí a gran cidade: aquí nada tes que gañar e todo que perder.
Por que haberías de camiñar por este fango? Apiádate dos teus pés! Mellor que cuspas á porta e deas media volta!
Esta cidade é o inferno dos pensamentos de solitarios: aquí os grandes pensamentos son cocidos vivos para seren reducidos a papa!
Aquí podrecen todos os grandes sentimentos; aquí só valen sentimentos magros e desmedrados!
Non oles xa os matadeiros e tabernas do espírito? Non está envolta esta cidade no bafo do espírito sacrificado?
Non ves as almas pendurar tal panos de fregar porcallentos? E aínda fan xornais con estes ganapos!
Non te decatas de como o espírito se converteu en xogo de palabras? Derrama repugnante enxaugadura de palabras!- E aínda fan xornais con esta enxaugadura!
Provócanse uns aos outros, sen saber o motivo. Encirran uns nos outros, e non saben para que. Fan soar a súa calderilla de cobre e o seu ouro.
Son fríos e procuran a calor na augardente, son ardentes e procuran a frescura en espíritos de xeo. Todos son doentes e están infectos de opinións públicas.
Aquí danse cita todos os praceres e todos os vezos; mais tamén hai aquí virtuosos, moita virtude lista e alistada; - moita virtude espilida de dedos plumíferos e cachas duras, adobiando o peito con pequenas "estrelas".
Hai tamén aquí abonda piedade, abonda adulación servil ante o Señor dos Exércitos.
Do alto caen as "estrelas" e pinga o cuspe augusto; cara as alturas aspira todo peito carente de "estrelas" e cachas endurecidas a forza de agardar.
" Eu sirvo, ti serves, nós servimos" - así reza toda virtude solícita elevando pregarias ao príncipe, para que a "estrela" merecida veña á fin engalanar o fraco peito!
Do xeito en que a lúa vira arredor de todas as cousas terreas, así tamén o príncipe vira aínda arredor da cousa máis terrea: o ouro dos tendeiros.
O Señor dos Exércitos non é un deus dos lingotes de ouro; o príncipe propón, pero o tendeiro dispón!
Por todo o que en ti hai de limpo e forte e bo, oh, Zaratustra, cuspe nesta cidade dos tendeiros e lisca sen mirar cara atrás.
Aquí todo o sangue corre pútrido e tépedo e escumento polas veas; cuspe á gran cidade onde escumexa a carón da escoura!
Cuspe á cidade dos importunos, os insolentes, os chupatintas, os rexoubeiros e os febrís ambiciosos, - onde medra todo o morboso, cobizoso, dubidoso, noxento, tenebroso e licencioso!
Cuspe á gran cidade e dá media volta!"
Neste punto Zaratustra interrompe o bufón tapándolle a boca escumallenta.
Acabarás! - exclamou - Danme bascas verte e oírte falar!
Tanto tempo levas no fango, que viraches ra e sapo?
Non corre agora polas túas veas sangue mesto, podre e escumento, que che fai botar pestes desta maneira?
Por que non liscaches a vivir ao bosque. Ou traballar a terra? E que non hai illas verdes abondas no mar?
Desprezo o teu desprezo; e se me advertiches a min, por que non te advertiches a ti mesmo?
Só dende o amor, non dende o lixo, ha erguer o voo o meu desprezo e o meu paxaro previsor!
Chámante o meu mono, frenético demente; pero eu chámote o meu porco roñón - de tanto roñar vasme estragar o eloxio da necidade!
Que foi o que primeiro te levou a roñar? Que ninguén te gabase abondo; - por iso te xuntaches a esa inmundicia, para teres motivo de roñar ben, - para teres motivos para te vingares ben! Pois todo o teu tronar é vinganza, fachendoso toleirón; a min non me enganas!
Pero as túas palabras necias fanme mal, mesmo cando levas razón! E mesmo que as palabras de Zaratustra tivesen cen veces razón, ti sempre me poñerías doente con elas!"
Así falou Zaratustra. E dirixiu unha ollada á gran cidade, saloucou e calou por un tempo. Á fin dixo así:
Dáme tanto noxo esta gran cidade coma este necio. En ningún caso nada se pode facer, non poden volverse nin mellores nin peores.
Ai desta gran cidade! Xa me gustaría a min ver a columna de lume que ha consumila!
Pois tales lumieiras deben vir do gran mediodía!. Pero todo chegará e conforme o seu destino!
En canto a ti, necio, antes de partir dígoche isto: onde no pode máis amar, un debe pasar de largo!"
Así dixo Zaratustra e pasou de largo, deixando atrás o necio e a gran cidade.
FRIEDRICH NIETZSCHE : Así falou Zaratustra, 3ª parte.
EDVARD MUNCH: Retrato de Nietzsche, 1906
16/07/13
Do país da cultura / FRIEDRICH NIETZSCHE
" Adentreime voando de máis no futuro e fun presa do horror.
E cando mirei ao meu redor, velaí que o tempo era o meu único contemporáneo!
Entón volvín atrás, fuxindo cada vez máis rápido- así cheguei a vós, os homes do presente, e ao país da cultura.
Por primeira vez cheguei ben disposto cara a vós, mesmo ateigado de saudosa angueira.
Pero, que me pasou? A pesar da miña vergoña tiven que rir!. Nunca vira nada tan parrandeiro!
Rin a cachón, mentres me tremían as pernas e o corazón. Velaquí a patria de todos os cacharros de colores!"- dixen eu para min.
Coas caras e membros salferidos de cincuenta manchas estaban aí sentados, os homes do presente, con gran sorpresa pola miña parte!
E rodeados de cincuenta espellos que afagaban e reflectían o voso xogo de cores!
Non poderiades levar, homes do presente, máscara máis adecuada que o vos propio rostro! Calquera vos recoñecería!
Cubertos dos signos do pasado, e aínda estes signos tisnados de novos signos - que ben puxestes o gabán de todos os intérpretes de signos!
Aínda cando os augures examinasen as vosas entranas, quen suporía que as tendes?
Os vosos veos son un catálogo recheo de todos os tempos e pobos; nos vosos acenos falan todos os credos e costumes.
Quen vos tirar os veos e mantos e cores e acenos, quedaría co xustiño para compór un espantallo.
Eu mesmo son un paxaro espantado que vos viu espidos e sen cores; e fuxín voando ao facerme o esquelete sinais de amor.
Preferiría andar ao xornal no reino das sombras do pasado!
Mesmo aí abaixo hai máis plenitude que entre vós!
O que me ten amargado é que non vos soporto nin espidos nin vestidos, oh, homes do presente!
Todo terror de futuro e todo canto unha vez axotou paxaros perdidos, é máis reconfortante e acolledor que a vosa "realidade"!
Pois dicides: " Somos reais cen por cento, sen fe nin superstición". Así vos enchiades de orgullo, sacando peito - Ai, sen peito!
Como poderiades crer vós os esborranchados! - Pinturas de todo canto unha vez foi creado!
Sodes refutacións andantes da mesmísima fe e derreadores de todos os pensamentos. Eu chámovos, señores reais, indignos de creto!
Todos os tempos rexoubaron uns contra outros no voso espírito; e os soños e necidades de todos os tempos foron máis reais ca vosa lucidez!
Sodes estériles; velaí por que non credes en nada. O creador sempre tivo tamén os seus soños - verdades e signos luminosos- e cría na fe!
Sodes porta entornadas onde agardan sepultureiros. E a vosa realidade é esta: "todo ten de perecer".
Ai, estades no puro óso, nin chisco de tallada vos cobre as costelas! E máis de un entre vós decatouse diso el soíño - e dixo: - "Tiraríame algo un deus mentres durmía? Abondo, por certo, para crear unha muller!
É sorprendente a pobreza das miñas costelas!" - isto manifestou xa máis de un de vós, os homes do presente.
Dádesme risa, homes do presente! Sobre todo cando ficades apampados de vós mesmos!
E ai de min se non puidese rir do voso asombro e tiver que tragar a lavadura que enche o voso prato!
Prefiro tomarvos a broma, pois teño que levar unha pesada carga ; que importa que escaravellos e insectos pousen nela!
Non por iso resultará máis pesada! E non habedes ser vós, os homes do presente, causa da miña gran fatiga.
Ai, onde está o cume que eu aínda poida gabear co meu anhelo? Dende todas as cimas ando á procura de patrias e nais terras.
En ningures dei cun fogar; ando sen rumbo por todas as cidades e saio por todas as portas.
Estraños e ridículos encontro os homes do presente aos que aí atrás me levou o desexo; estou desterrado de todas as patrias e nais terras.
É así que xa non amo máis que a terra dos meus fillos, a terra ignota, a perdida no mar máis lonxano, cara ela emproan teimudamente as miñas velas.
Nos meus fillos quero reparar o ser eu o fillo dos meus pais - e en todo futuro- este presente!
Así dixo Zaratustra
FRIEDRICH NIETZSCHE: Así falou Zaratustra, 2ª parte
06/07/13
Ser e estar / M. BENEDETTI
SER E ESTAR
Oh marine
oh boy
unha das túas pegas consiste en que non sabes
distinguir o ser do estar
para ti todo é to be
así que probemos a aclarar as cousas
por exemplo
unha muller é boa
cando entoa desafinadamente os salmos
e cada dous anos muda de frigo
e leva mensualmente o seu can ao analista
e só enfronta o sexo os sábados á noite
en cambio unha muller está boa
cando ollas para ela e pos os atónitos ollos en branca
e imaxínala e imaxínala e imaxínala
e mesmo consideras que tomando un martini che virá a coraxe
pero nin con iso
por exemplo
un home é listo
cando obtén millóns por teléfono
e evade a conciencia e os impostos
e abre unha boa póliza de seguros
a cobrar chegado aos setenta
e sexa o momento de viaxar en excursión a capri e a parís
e consiga violar a gioconda en pleno louvre coa
vertixinosa polaroid
en cambio
un home está listo
cando vostede
oh marine
oh boy
aparece no horizonte
para inxectarlle democracia
MARIO BENEDETTI, Antoloxía persoal, 1984
foto mosaico realizado con fotagrafías de soldados estadounidenses mortos en Irak
Joe Wezorek
Etiquetas:
ananismos,
Benedetti,
metalingüÍstica,
traducións
04/07/13
Que democracia?
¿Qué Democracia?-Documental from Partido Pirata Argentino on Vimeo.
En Europa é obrigatorio o voto, so pena de multas, en Chipre,Bélxica, Italia, Grecia e Luxemburgo. A cantidade a pagar vai, segundo o país e a reincidencia, dende os 25 ata os 1000 euros. Pero parece que na Arxentina o pecado da abstención págase co cárcere. Incrible, liberdade obrigatoria!
Na 1ª parte do documental sae un pizarrón con números. É a parte que máis me gusta. Eu xa fixen ese exercicio matemático cos resultados de varias eleccións ao parlamento de Galicia. E case podo asegurar que nunca na autonomía bananeira de Galicia , coa súa longa traxectoria abstencionista, houbo unha clara e real maioría gobernando. Aquí sempre gañamos os que non xogamos, pero o xogo continúa e os que non participan, sinxelamente, non existen. Agora, iso si, gobernar, gobérnase para todos. E os cartiños , a terra e a dignidade roubadas, ser son de todos.
Parabéns por esta gloriosa exposición sobre a situación da seudodemocracia no sistema ultracapitalista. A capacidade que ten o político profesional para asumir o máis espantoso rídículo semella infinita. A súa impunidade tamén. E a nosa capacidade de abediencia parece que nos relega, cada vez máis, a escoller quen vai ser o seguinte matarife, quen vai comandar por unha tempada no matadeiro da carnicería democárnica.
Etiquetas:
cine documental,
contrapublicidade,
dálle que non mira
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






