Amosando publicacións coa etiqueta Maiakovski. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maiakovski. Amosar todas as publicacións

02/02/14

Black and White, 1933, I Ivanov-Vano and L. Amalrik.






BRANCO E NEGRO

A habana, ollada de lonxe,
é un paraíso, un país como é debido.
Baixo as palmas, nos lagos, están
os flamengos a unha soa pata.

Florecen as cores por todo El Vedado.
Na Habana todo está dividido:
aos brancos, dólares;
aos negros, nada.

Por iso, Willie está co cepillo á porta,
na porta de Henry Kley and Broock Limited.
Willie ao longo da súa vida limpou moito lixo, toda unha montaña.
Por iso Willie ten xa pouco pelo,
por iso Willie ten o ventre afundido.

Ben poucas son as súas alegrías.
Seis horas para o sono, e listo.
Do contrario, o inspector de impostos do porto
quítalle unha moeda ao pobre negro.

Pode acaso zafarse desta cotra?
Mira se camiñando coa cabeza
daría xuntado máis lama.
Os pelos son mil e os pés, só dous.
Aquela vez, pasaba pola rechamante rúa Prado.
Soa e prende nel o jazz.

De veras semella ser un paraíso,
A Habana

Mais o cerebro de Willie ten pouca sementeira,
poucas circunvolucións.
O único que aprendeu Willie,
máis firme que as pedras do monumento a Maceo, é
"O branco coma piña madura,
o negro, piña podrecida.
O branco fai traballo branco.
O negro, traballo negro".

Poucos problemas a Willie lle meteron na cabeza,
pero un deles era o máis grave de todos.
E cando este problema empezou a tradear a mente de Willie,
o cepillo caía das súas mans.

E como caído do céo, nun momento así,
abeiróuselle o rei dos cigarros, Henry Kley.
Chegou máis branco ca unha nube
o máis solemne dos reis o rei do azucre branco

O negro foi onda a mole branca e díxolle:
«I beg your pardon, mister Bregg:
Por que o azucre branco-branco
o debe facer o negro-negro?
O cigarro non lle acae ben a vostede
iríalle mellor a un negro de pel negra
e se lle gusta a café con azucre
faga o favor de preparalo vostede só"

A pregunta ten consecuencias.
O rei branco torna amarelo.
Dá media volta o rei e dun pulo guindoulle as luvas.
Florecían arredor os prodixios da botánica.
Os plátanos tecían a súa verde rede.

Limpou o negro, nos seus pantalóns brancos.
as mans, e o sangue do nariz.
Rosmou o negro, con ollos de lume,
ergueu o cepillo, cunha man, e marchou

Como sabía o negro que con esa pregunta
debía dirixirse á lonxana cidade de Moscova?



Vladimir Maiakovski: poemas animados
Director: Iván Ivanon -Banó - Leonid Almarik
Ano: 1932
País: Rusia




01/02/14

Vladímir Mayakovski 1/2 Documentario


















máis obra gráfica de Mayakovski aquí




14/03/13

DISTO- DE QUE? / V. MAIAKOVSKI





Neste tema
                 persoal
                            e modesto,
cantado mil
                 e unha vez,
dei voltas coma un esquío poético
e quero dalas de novo.
Este tema
              é agora
                         pregaria en Buda,
e no negro afiar a navalla contra o amo.
E se en Marte
                     hai un corazón humano,
tamén el
            agora
                     esborrancha
                                       algo parecido.
O tema virá
                 e aínda corcovado
levarao ao papel
                         e diralle
                                     escríbeo!

Do papel
             o corcovado
                                arrincará cun chío de águia
e as estrofas do seu canto fulxirán ao sol.
O tema virá,
                  petará na porta da cociña
e esvaecerá coma un fungo de fume,
e un segundo despois
                                o xigante
                                             caerá
abafado entre os garavatos das cartas.
O tema chegará,
                        reclamará:
                                        - A verdade!
O tema chegará,
                        reclamará:
                                       - A beleza!
e aínda que
                 te craven das mans nunha cruz,
cantuxarás unha valse dende o alto.
O tema apenas rozará o alfabeto-
pode haber libro máis claro?
e fai do
          A
           un empinado Kazbek.
Ofúscate,  
               afástate do pan e do sono.
O tema chegará
                        lampexante a pesar dos séculos,
e dirá simplemente:
                            - De aquí en diante, mírame só a min!-
E míralo
            e vas, abandeirado,
facendo chamear o lume dunha seda escarlata-
O tema está cheo de maldade!
                                              Acazápase tras os feitos,
do máis fondo dos instintos disponse a saltar,
e furioso
             - atrevéronse a esquecelo!-
sacudirate
               ata deixarte sen alma.
O tema chegou a casa enfurruñado,
Ordenoume:
                  - Dáme as rédeas do tempo!
Axexou cun aceno a miña vida cotiá
tal que un temporal axotou xente e asuntos.
O tema entrou,
                      expulsou os outros
e apoderouse de min.
O tema púxome o puñal na gorxa.
Martelador!
                  Do corazón á tempa!
O tema volve negro o día de tebras.
Que se oian ben forte eses versos!- Ordena.
O nome
            deste tema
                             é
                                ...!


VLADIMIR MAIAKOVSKI: Disto - De que?, 1923





Salvador Dalí: Soño causado polo voo dunha abella 
   en torno a unha granada 
                  un segundo antes de acordar, 1931








26/06/11

A GUERRA E O UNIVERSO







                                                                         1916-1922
                                                         
                                                                            Prólogo




Tendes sorte.
A vergonza non chega ata os mortos.
Apaga pois 
o teu odio polos difuntos asasinos.
O líquido máis puro lavou
o pecado da alma emigrada.


Tendes sorte!
Sen embargo eu,
a través das liñas da fronte,
a través do balbordo,
como sosterei o meu amor de ser vivo?
Un paso en falso
e as farangullas do máis insignificante dos amores
rolarán para sempre ao abismo do fume.


Que é
para os que regresan
a túa mágoa?
Que é
para eles a liña dos poemas?
Paralizados con patas de madeira
eles xa non quererán outra cousa
que seguir renqueando ata a fin dos seus días!
Tes medo?
Covarde!
Matarante!
Ti poderías vivir,
aínda que escravo,
máis de cincuenta anos.
Mentira!
Sei 
que baixo a lava dos ataques
serei
o máis afouto
o máis botado para diante.
Ah! Que valente
se negaría a respostar
á chamada de clarín dos tempos por vir?
Eu son
nesta terra
o único heraldo das verdades en marcha.


Hoxe exulto!
Sen beber nin pinga
cheguei á meta da miña alma.
A miña solitaria voz humana
érguese 
entre berros
entre prantos
no día que nace.


A ver! Veña, animádevos!
Fusiládeme, poñédeme contra o paredón!
Non serei eu quen cambie de cores!
Queredes
que pegue un as na fronte
para que brille máis a diana?


Fragmentos










É posible 
que ao tempo-camaleón
xa non lle queden
cores.
Unha sacudida máis
e volverá caer 
teso e sen alento.
Se cadra a terra
ebria de fumaredas e batallas,
non levante máis cabeza.
Se cadra...
Non, 
iso non é posible.
Un día ou outro o encoro dos pensamentos farase cristalino,
un día destes verá a púrpura que aflora dos corpos.
E sobre os cabelos ourizados do espanto
retorcerá as mans, xemendo:
" Meu Deus,
que fixen?"
Non,
iso non é posible.
Cóidate, peito,
do alude de desesperanza:
furga e tantea na alegría futura.
Mirade
se queredes:
do meu ollo dereito
fago saír
un ramallo de flores.
Pensamentos, multiplicade eses paxaros barrocos.
Cabeza
bótate para atrás de entusiasmo e orgullo.
Miña mente
leda e chea de razón,
mente construtora,
inventa cidades.


Na alba dos meus ollos luminosos
vou cara
todos aqueles cuxos dentes
aínda rinchan de rabia.
E ti, terra,
érguete
como milleiros de Lázaros...
Alegría,
alegría!
A través das columnas de fume
sorprendo
a claridade dos rostros.
A primeira en erguerse
é Galicia,
entrabrindo o seu ollo magoado.
Agocha nos pastos o seu fango esgazado.


Descargándose do peso dos canóns,
uns tras outros erguen as súas chepas
e lavan no céo a súa branca cabeleira ensanguentada,
os Alpes,
os Balcáns,
o Cáucaso,
os Cárpatos.


E por riba deles,
máis arriba aínda,
están os dous xigantes.
Un deles ergue o seu corpo dourado
e implora:
"Abéirate,
subo cara ti dende o meu leito socavado polas bombas"
É o Rhin
que lambe con beizos húmidos
a cabeza do Danubio tallada polas minas.


Mesmo nos outeiros, refuxiados 
tralas murallas da China,
mesmo nas areas onde Persia se perde,
cada cidade
que antes ouveaba
ao respirar a morte,
agora fica iluminada.
Murmurios.
A terra enteira
entreabre os seus beizos negros.
Forte, moi forte,
como un urro afuracanado,
séntese que di:
"Xurade
que nos segaredes máis vidas!"
E os ósos dos enterrados
saen das tumbas cubertos de carne.


Viuse algunha vez 
pernas talladas
andaren á procura
dos seus amos;  cabezas arrincadas
chamaren polo seu nome?
Ollade como 
un par de pernas vivas
andan á procura 
daquel corpo lisiado.
Do fondo dos océanos e dos mares,
afogados voltos á vida navegan a toda vela.
Oh, sol!
Quéntaos nas túas mans,
lambe os seus ollos coa lingua dos teus raios!
Agora podemos
rir na túa cara, vello tempo
enrugado!
Sans e salvos volvemos a casa.
Entón,
por riba de rusos,
búlgaros,
alemáns,
xudeus,
de todos,
nun céo sereno,
incendiado
dun extremo a outro,
sete mil cores empezaron a brillar
sete mil cores de diversos arcoiris.
Por riba do entullo,
por riba de batallóns en fuga,
oiuse
un eco desconcertado:
"A-ah!..."
O día que así nacía era tal,
que os contos de Andersen
se puxeron a reptar ao seus pés
coma cans recén paridos.


Agora parece mentira
que eu chegase a andar
a tentas e cheo de sombra,
por aquelas crepusculares canellas.
Hoxe
unha meniña diminuta
recibe na unlla do maimiño
máis sol do que nunca antes
houbo no globo terrestre.


O home abrangue a terra
cos seus grandes ollos.
Ese neno
co seu traxiño novo
é un neno grave
e, orgullosos, rimos del.


Como curas
que para evocar o drama da redención
se adiantan coa ostia,
cada país
vén cara ao home cos seus agasallos.


"Da vastísima América tráioche a forza,
a potencia das máquinas"
Eu douche as cálidas noites napolitanas,
di Italia.
Quen abafe de calor,
que se abane coas follas das palmeiras.
"Para o que morre de frío co xeo do Norte,
velaquí o sol de África."
"Para quen arde ao sol africano,
estas neves que baixan 
das montañas do Tíbet"


"Francia,
primeira entre todas as mulleres,
trae a cor púrpura dos labios"


"Grecia, a xente nova,
a espida perfección dos seus corpos"
"Que voces son máis potentes
que as que mellor se xuntan nun canto?
Rusia
ábrenos o seu corazón 
nun himno de lume"


"Homes, 
Alemania tráevos
o seu pensamento tallado polos séculos"
"Dos subsolos
bañados en ouro,
a India
ofértanos os seus tesouros."


Gloria ao home!
Gloria e vida ao home,
polos séculos dos séculos!
A cada ser vivinte,
gloria,
gloria,
gloria!"
Ata quedar sen folgos.
pero tamén chego eu.
Prudente,
enorme,
torpe.
Estou magnífico
coa máis brillante
das miñas innúmeras almas.


Dou cos aduladores,
dou coa xente festeira,
-mapocado corazón,
non batas así!-
É ela 
que vén ao meu encontro
-Bo día, querida!"


Acariño
cada un dos seus cabelos,
crechos, 
dourados.
Oh, que ventos
de que sur
obraron o milagro do corazón que non morre!
Os teus ollos florecen,
son dous claros no mato.
Como un neno contento
fago un pinchacarneiro.
E todo arredor miña
sorrí.
Bandeiras.
Cores a eito.
Todo pasa.
Todo se subleva.
Xente.
Atravesan.
Corren.
En cada mozo a pólvora de Marinetti.
En cada vello a sabedoría de Hugo.


A capital non ten
labios abondos para sorrir.
Todos
fóra das casas,
ás prazas,
fóra.
De cidade en cidade,
coma globos prateados fagamos soar
a alegría
a risa
as campás.


É como para non entendelo-
o ar é
unha flor
un paxaro?
Todo canta
e arrecende,
todo é multicolor,-
e iso
alumea o braseiro dos rostros,
e a razón embebédase
co máis selecto viño.
Non só os homes
da alegría
mudaron as súas caras;
os animais rizaron a pelaxe,
os mares,
onte bravos,
hoxe téndense aos nosos pés.


Semella incrible
que os mesmos acoirazados
que onte trousaban morte
nestas praias
que xa esqueceron o cheiro a pólvora,
leven aos tranquilos peiraos
cantidades inxentes de trivialidades.


Como seguir temendo os canóns?-
Aqueles 
tan calmos
serían quen de destruír?
Pastan
acougados
nun campo,
diante da miña casa.


Non é farsa
nin sátira-
no medio do día,
cheos de razón
e de dous en dous,
os zares camorristas
pasean
baixo a ollada das nodrizas.
Di, Terra,
de onde nos vén tanto amor?
Imaxinade-
alá,
baixo unha árbore,
alguén viu
a Caín e a Cristo
xogando ao xadrez.


Ti non ves nada,
chiscas os ollos, buscas.
Os teus olliños-coma dous furados.
Ábreos xa!
Mira:
os meus ollos
son a porta aberta dunha catedral.
Homes!-
Queridos,
non queridos,
coñecidos,
descoñecidos,
pasade por esa porta nun vasto cortexo.
E entón,
o libre,
o home que eu chamo,
virá,
crédeo,
crédeme


MAIAKOVSKI ( 1894-1930 )




pavimentando con baldosas de ríos
(título meu polo de agora)



25/06/11

SOLICITUDE DIRIXIDA A.....

osirismelisa


                        Amor


Tal vez                   
  se cadra

                                           
 un día
   
                                                                              
polos camiños do zoolóxico,


tamén ela -gústanlle os animais-


veña ao xardín
                               
sorrinte
 
                                                           
                       a mesma
 
                                                                               
que na foto da mesa.


É tan fermosa


que ao mellor a resucitan.


O voso


século trinta


rebasará o enxame


das naderías que esgazan o corazón.


Todo o que non terminamos de amar,


recobrarémolo


nas estrelas de incontables noites.


Resucítame


aínda que só sexa


porque agardei como un poeta


rexeitando o absurdo cotián.


Resucítame


aínda que só sexa por iso.


Resucítame,


quero vivir o que me corresponde.


Para que non haxa máis amor - servidume,


casamentos,
 luxuria,


soldos.


Para que, maldicindo as camas,


chimpando do catre,


o amor vaia polo mundo.


Para que o día


que a pena degrada.


Para que

ao berro de
-Camaradas!-


todo o mundo se sinta chamado.


Para non ter que vivir


en casas - furado.


Para que


desde hoxe


a familia sexa:


o pai


como mínimo o universo,


a nai


como mínimo a terra.


MAIAKOVSKI: Poemas, 1923, "Solicitude dirixida a..."

ORDE Nº2 AO EXÉRCITO DA ARTE














A vós_
barítonos ben nutridos_
que de Adán 
aos nosos días
conmovedes os antros chamados teatros
con suspiros de Romeos e Xulietas.


A vós-
pintores, 
pesados coma cabalos.
adubío comichón e rinchante de Rusia,
agochados nos obradoiros,
seguide pintando a mona
con floriñas e nus.


A vós-
encrequenados na sombra de folliñas místicas,
frontes sulcadas de enrugas,
futuristiños,
imaxinistiños,
akmeistiños,
enredados na tearaña das rimas.


A vós-
que mudastes o peiteado liso
por hirsutas guedellas,
os zapatos de charol por zocas,
proletcultiños,
que remendades 
o gastado frac de Puschkin.


A vós-
bailaríns trompetistas,
que traizoastes á luz do día
e pecastes ás agachadas,
que imaxinastes o futuro
como unha enorme ración de académico.
A vós,
eu-
xenial ou non,
que deixei as parvadas
e que traballei na Rosta,
dígovos
antes de que vos boten a culatazos:
Acabade con ela!


Rematádea!
Esquecede,
cuspide
nas rimas,
nas arias, 
na roseira,
e nas demais tontices
do arsenal das artes.
A quen lle interesa
que " Ai, pobriño,
como amaba
o malpocadiño..."?
Agora
necesitamos artesáns,
non predicadores guedelludos.
Escoitade!
Xemen as locomotoras,
o vento entra polas fendas:
"Dádenos o carbón do Don!
Montadores
e mecánicos, ao depósito!


En cada afluencia dos ríos
cun boquete no costado:
os barcos atronaron nas dársenas:
" Dádenos petróleo de Bakú!"


Mentres gastamos a nosa enerxía
en inútiles discusións, á procura
dun sentido oculto,
un inmenso berro sacode as cousas:
" Dádenos formas novas!"


Xa non hai imbéciles
que agardan coa boca aberta
a palabra do "mestre".
Camaradas,
dade unha arte nova
unha arte
que tire a República do fango.


MAÏAKOVSKI: Poemas. A guerra e o universo. Prólogo. Orde nº2 ao exército da arte (1919-1922)








Futurismo


10/05/11

OBREIROS DA POESÍA



1


O noso traballo verbal


" Tanto a poesía como a prosa dos antigos estaban igualmente alonxadas do discurso práctico, da xerga das rúas, da linguaxe exacta da ciencia.


Nós esparexemos ao vento o vello po verbal, facendo explotar  os entullos de ferro da antigüidade.


Negámonos a admitir ningunha diferenza entre a poesía, a prosa e a linguaxe práctica.


Nós coñecemos a única materia prima da palabra e traballámola con método. Traballamos para organizar os sons da lingua, a polifonía do ritmo, para simplificar as estruturas verbais, para puntualizar a expresión lingüística, para crear novos instrumentos temáticos.


Todo este traballo non ten para nós unha pura finalidade estética, senón un laboratorio para poder expresar da mellor maneira posible os feitos do noso tempo.


Non somos sacerdotes creadores senón obreiros que executamos unha proposta social.


Aseev: tentativa de levar a cabo un voo verbal ao porvir.
Kamensky: xogos de palabras en toda a súa sonoridade.
Krucenych: tentativa de usar a fonética da xerga para dar forma a temas antirrelixiosos e políticos.
Pasternak: utilización dunha sintaxe dinámica para un asunto revolucionario.
Tretjakov: tentativa de construír un ritmo que organice a espontaneidade revolucionaria.
Chlebnikov: conquista da máxima expresividade coa linguaxe falada, depurada de toda vella poesía académica.
Maiakovski: tentativa de ritmo polifónico nun poema de amplo respiro social.
Brik: prosa lacónica sobre un tema actual.
Wittvogel: tentativa dun teatro de axitación comunista sen caer no misticismo revolucionario de Kaiser-Toller"


Vladimir Maiakovski: Poesía e revolución








2


( Octavio Paz escribiu hai moitos anos
unha frase que me ía servindo de bandeira,
entre a negra e a vermella " La revolución 
que viene es la fiesta, el principio del principio 
que regresa". Pero agora creo que xa non lle
interesa o principio dese regreso. E 
podo perverterlle a súa frase: " A Revolución
que vén é a de Chiapas, as vítimas maias
do principio que se rebelan, regresando a
un futuro desexado..." Todos somos Marcos!
Todos EZLN, nas selvas Lacandonas do que
nos foi prohibido!...)

Lois Pereiro: Poesía última de amor e enfermidade  1992-1995

08/05/11

COUSA SERIA, A POESÍA, CHE!



portada dunha edición máis recente
en mono azul editora




"Ordenamos que se respecte o dereito dos poetas:


a) a ampliar o volume do vocabulario con palabras arbitrarias e derivadas ( neoloxismos);


b) a odiar inexorablemente a lingua que existiu antes ca eles;


c) a rexeitar con horror da súa propia fronte altiva a coroa da gloria barata, feita cos cepillos de dentes;


d) a manterse firmes sobre o espigón da palabra "nós" nun mar de asubíos e indignación.


E se nas nosas filas permanecen aínda as suxas marcas do voso "bo sentido" e "bo gusto", nelas sen embargo xa latexan, por primeira vez, os raios da futura nova beleza da palabra autónoma ( autorretorta)"






Vladimir Maiakovski: "Labazada ao gusto do público" in Poesía e revolución, 1912. Tradución ao castelán , ediciones de bolsillo, Barcelona, 1971