Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións

05/07/11

A ELOCUENCIA DOS CEMITERIOS



encrucillada irregulada por semáforos








A morte é o silencio recobrado. Santuario de silencios. Xardíns de pedra. As cidades da historia cultivada en terra da linguaxe. En realidade a nosa existencia, o rápido espellismo que supón a nosa vida, é só unha interrupción do noso estado natural, como a materia inerte ou lene palpebrexo da memoria ou fotograma en branco. Aquí o home voltará ser el, sombra petrificada do seu medo, na súa miseria trastorno ou loucura. Ausente xa da súa propia vida, nos cemiterios volta posuírse, ocupando para sempre o seu lugar no tempo, perdido para sempre o seu lugar no espazo, expulsado da vitoria soñada polo corpo sobre a morte. Un non pode evitar nos cemiterios sentirse lenemente ameazado, inerme e só, ao traspasar eses muros que protexen os vivos dese enxordecedor silencio urbanizado, como se ao mundo lle baixasen o volume de súpeto. Só os nomes definen no mármore o que non somos xa e a vida é unha visión de vinte letras. A relación coa nosa propia historia toma corpo na tumba coa posesión dun único espazo, coa verdadeira medida do que somos: un metro oitenta de gloria ou de fracaso. A chantaxe dos mortos á nosa memoria, os ósos presentes no pensamento, a dexeneración, os vérmes, un simple proceso químico, a ausencia de moral e as moscas sempre presentes na imaxe dun cadáver. Podremia, mofo, musgo no espírito, pasos nagrádevos do noso subconsciente e a sensación de perigo de non querer ser máis que un epitafio que defina un soño cando o meu líquido vital se convirta nun nome unido ao espazo. Nunca se resignou.

Guión para TVG, emitido o 6 / 07 / 1988

LOIS PEREIRO: Modesta proposición e outros ensaios para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia , Edicións Xerais, 2011

11/05/11

TRES NOMES DE MULLER

Helena Brigador, terror dos santos


Basta de tesouros!
Con paso feliz e malfadada calma
fai conversas de si mesma; 
Helena Brigador
e o traballado corpo,
a face protexida por un veo
e unha inclinación de amor no resto dos costumes


Loia nº 4





Leonora en confidencia

Sabe que árbores de misterio
retorcen os adultos predicando?
mollada a lingua
 en pincel negro,
iluminada escurece.

Descansa o día
en calma de arma branca
mellor en ti,
doncel profanadora
a boca mártir
preparada a estar máis soa

Loia nº 4


Rosa intransixente co poder

De noite, corpo de cortinas falando de ópera
intranquiliza a vella orde
a nova amante?
alta de noite voada de día
todo está incómodo
entre corpo e alma
esa é Balbina xorobada entre o sol que corría por chegar
e os da gabardina que disparan
Catro evocacións da lúa

Loia nº 3



Lois Pereiro:  in Revista Loia,  1975-1978
                        Poemas para unha Loia, Espiral Maior, A coruña, 1997







Algúns poemas de Lois Pereiro en versión bilingüe Gal-Cast aquí

09/05/11

Declaración Lois Pereiro










TRANSMIGRACIÓN


Esta enerxía xa non vai ter fin,
non foi creada nin será destruída.
Irá ocupando diferentes vidas,
transformándose en emocións alleas
tatuadas noutros corpos paralelos,
en simultáneas procesións 
sen pausa.


Nun cálido universo apaixoado
voume dosificando con usura,
ata que chegue a hora de voltar,
canso e feliz,
ao punto de partida.


agosto, 95


Lois Pereiro (1958-1996): Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, Edicións Positivas, Santiago de Compostela, Decembro de1995.