Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións

15/01/13

MANOEL ANTONIO: Con anacos do meu interior




VI

TAMÉN

A sombra dos tesouros
foise coa luz do sol

O escepticismo axeita un mol
recibir de suavidades

                Polos mouros
contornos lonxanos de agardanza virxe
hai mans que nos chaman ao saudoso Ben:
                                                                    Vén!

E no fracaso de onte
               un hoxe eterno pon: 
                                                    Tamén.

No campo da festa
                                                       caen fiados orballos
Os carballos
                                              Nostalxian de festa
No campo deserto
                                                          canto me pesa a testa!
nostalxiando cos carballos

A sombra dos tesouros voltará
encuberta no ensoño do sol

Este verde mollado ten un mol
prometer e agardará

A sombra dos tesouros
                                             máis alá
A sombra dos tesouros
                                                  sempre alén
E no fracaso de hoxe
                                                             un eterno manán porá: Tamén



Castelao: A felicidade
Album Nós




IX

LIRIDADE INCONCRETA

Heite de pór de par
dun morto reloxo que teño
Non sei que hora ficou a marcar
dende non sei canto hai que pendura
Así te quero Eu
Inconsciente de Ti
máis que canto me diga esa pura
momentaneidade
O por qué non o sei
Meu amor inconsciente
E que tampouco coñezo de Ti
meu inconsciente amor
máis que isto que che repetirei:
Heite de pór de par
dun reloxo detido que teño
sen saber a hora
que ficou a marcar.


Castelao: No fondo do mar
Album: Atila en Galiza



XI

LIRIDADE NOCTÁMBULA

Eu vinte
                                  cidade convulsa
anestesiada unha noite:
                                            chovía.
Espellaban
                                  escorregando
                                                              as rúas
e o espanto das lúas
dos escaparates
a ringleira de farois que ría
como unha procesión de disparates.
Un paraugas noctámbulo
                                                       esquivábase
no anónimo da rúa transversal.
Un reloxo pasivo
                                                 espreguizábase
cunha voz estraña do Ben e do Mal.
O rectilíneo rañaceos
ata se convenceu da mansedume espiritual
do budista chover
e o hermetismo foi sentimentoso.
Dos carrís esquecidos do tranvía
non se sabe o desexo misterioso
no paralelo rego que fuxían.
Foi unha absolución
o rumorexo longo e bo da auga
da salvaxe soberbia diaria
do mastodonte camión.
Eu vinte
                                   cidade convulsa
anestesiada unha noite que choveu
Semellabas menos allea
menos vulgarenta
                                       e menos...
                                                                que sei eu!
Suxerenza dos gatos
que fan do día unha vulgaridade
e de noite
                                                 nos ollos fogos-fatos
nas siloitas da excentricidade
e nos choros de gaita diluída
van sinfoniando a vida.
Eu vinte
                                    cidade convulsa
anestesiada unha noite: 
                                             Chovía
no sedento da miña repulsa
e no sedento ermo do teu día.


MANOEL ANTONIO: Con anacos do meu interior

(A disposición tipográfica é a orixinal)


Estes son tres dos dezaoito poemas que conforman este libriño publicado postumamente xunto con outros que o autor non quixo ou non puido publicar en vida. 
Recentemente a Real Academia Galega publicou o primeiro volume da obra completa de Manoel Antonio con algunhas prosas e traducións.



Castelao: Evasión



28/11/11

HAMID SKIF, Alxeria, 1951






O castiñeiro do val, Óleo, Castelao


O TEMPO

De Babilonia en Babilonia
o tempo que se esfarela
sobre os muslos espidos da arxila.

Bota un ollo ás páxinas
da rocha e cala
para arrolar as espadas e as
Oriflamas e o sangue e os berros
e
as bágoas que lle deixan
un pouso

Toda ventá aberta
chámana fóra
para singlar cara as longas avenidas
dos mares esvaecidos
velados polos corsarios
dos longos cabelos de corda

O tempo vixía a morte
en todas as súas andainas
ela ponlle fácil os seus avances
e conta co espazo
compartido

De Babilonia a Babilonia
os xardíns besbellan tempo
a pleno vento
e soben a asaltar o céo
para honrar os seus froitos perdidos
no cume das estacións

O tempo circula para nós
mesmo nas autoestradas
que beirean o mar
nas radiacións do verán

O tempo non pasa
sobrevoa a sombra das nosas olladas
a dos nosos corpos
un instante do home case consumado
por iso ri das fronteiras 
e das leis

O tempo ten o rostro da sombra fresca
e das bebidas esquecidas
ningún lampexo o cega
é a miseria do silencio
salvagardar todo

Conmovedor na súa amplitude
escachado
renace da póla
sobre a herba do arró
nos ollos dos paxaros
nos leitos dos ríos

A súa esencia só
a reserva aos cemiterios
dos séculos abandonados
nunca se escribirá aquí xace o tempo
fixo todo o que estivo na súa man para evitalo

O tempo díxome:
un día esquecereite
ben sei que non 
vela a miña porta pechada
pois a ventá aberta 
chamouno fóra

Voltará verme
para pór fin á viaxe
e cantar comigo:
de Babilonia en Babilonia
o tempo esmigallado
nunca esqueceu nada

O tempo é un can de rapina
din os vellos
mais ningún dos seus ruídos
me chegou aínda
soamente, onte, no limiar
da miña porta
dei cunha bágoa
pousada nunha folla da ameixeira
sería o tempo que revelaba a súa 
identidade?

Sei de boa fonte
que acaba de ser admitido 
no paraíso
Que tempo irá sobre o océano
dos teus ollos?

Acaso os  nosos dedos cruzados
falan das bágoas da alba
pousadas sobre as follas da ameixeira?

HAMID SKIF




27/11/11

CASTELAO caricaturista

A farsa democrática







O orador político





Este é o mundo que fixo Deus




25/11/11

24/11/11

CASTELAO debuxante e pintor

Así sería España, Castelao,  Album Nós


Fauno, óleo de Castelao


23/11/11

Volverán as escuras andoriñas...

Castelao: Cousas
Enlace a unha bitácora adicada exclusivamente a este libriño de Castelao



A SEMANA PÁLIDA


Loira loira
era a muller que despareceu entre os lastros
tan leven que serían tomados por follas
tan grandes que se diría que eran casas


Era lembro ben un luns
día en que o xabrón fai chorar os astrónomos


O martes volvina ver
semellante a un xornal despregado
aboiando ao vento do Olimpo
Despois dun sorriso que fumegou como unha lámpada
saudou a súa irmá a fonte
e voltou ao seu castelo


O mércores espida pálida e cinxida de rosas
pasou como un pano
sen ollar as sombras dos seus semellantes
que se espreguizaban coma o mar


O xoves só vin os seus ollos
signos sempre abertos para todas as catástrofes
Un desapareceu detrás do seu cerebro
o outro enguliuno unha pastilla de xabrón


O venres cando se ama
é o día dos desexos
Pero ela alonxouse berrando
Tilburi tilburi a miña frauta perdeuse
vouna procurar baixo a neve ou o mar


O sábado agardaba por ela cunha raíz na man
disposto a queimar no seu honor
os astros e a noite que dela me afastaban
mais ela perdérase como a frauta
como un día sen amor


E agardei o domingo
pero o domingo non chegou
e fiquei no fondo da cheminea
como unha árbore botada a perder.


BENJAMÍN PÉRET: Le grand jeu


Benjamín Péret, poesía y revolución