13/04/14

Alicia no país doutro momento





dicía así:
andei por lugares aos que nin remotamente sabería volver
dixen dicires que nin remotamente podería repetir
fixen coas miñas mans o que nin remotamente volvería facer
adiviñei viño inadiviñable
e tomei o té do loto esquecedío
sen que agora mesmo poida adxuntar
nin a máis remota explicación

pero pensaba:
estiven en sitios dos que nunca volvín
reafírmome timuda no que nunca dixen
desfago punto por punto toda a trama
adiviñas, as xustas
adxúntase xanela de verificación


e todo isto sen a máis mínima proba












11/04/14

PEDRO SALINAS (fragmento)







Sabemos, si, que hai mundo.
Testemuñas vagas del, escachar de ondas,
os bruídos, rechouchíos, berros rotos,
rabuñan gabeándoo, chovéndoo,
o gran silencio, que reservamos,
illa habitada só por dúas voces.
Do naufraxio tristísimo, na alba,
daquel calar onde se abolía
o que non era nós en nós,
ficamos só,
prendidos aos refugallos do silencio,
ti e máis eu, os fuxidos de puro milagro.

Razón de amor, 1936




03/04/14

Isto e isto e isto / OCTAVIO PAZ




O surrealismo foi a mazá de lume na árbore da sintaxe
O surrealismo foi a camelia de cinsa entre os peitos da adolescente posuída polo espectro de Orestes
O surrealismo foi o prato de lentellas que a ollada do fillo pródigo transforma na enchenta fumegante do rei caníbal
O surrealismo foi o bálsamo de Fierabrás que esborrancha os sinais do pecado orixinal no embigo da linguaxe
O surrealismo foi o lapo na historia e o caravel de dinamita no confesionario de o sésamo ábrete das caixas de seguridade e das reixas dos manicomios
O surrealismo foi a chama bébeda que guía os pasos do sonámbulo que camiña de puntas sobre o gume da sombra que traza a folla da guillotina no colo dos axustizados
O surrealismo foi o cravo ardente na fronte do xeómetra e o vento forte que a media noite tira as sabas das virxes
O surrealismo foi o pan salvaxe que paraliza o ventre da Compañía de Jesús ata obrigala a trousar todos os seus gatos e os seus diaños agochados
O surrealismo foi a presada de sal que disolve os tlaconetes do realismo socialista
O surrealismo foi a coroa de cartón do crítico sen cabeza e a víbora que esvara entre as pernas da muller do crítico
O surrealismo foi a lepra de Occidente cristián e o látego de nove cordas que debuxa o camiño de saída cara outras terras e outras linguas e outras almas sobre o lombo do nacionalismo embrutecido e embrutecedor
O surrealismo foi o discurso do meniño enterrado en cada home e a aspersión de sílabas de leite de leoas sobre os ósos calcinados de Giordano Bruno
O surrealismo foi as botas de sete leguas dos fuxidos das prisións da razón dialéctica e a machada de Polegariño que corta os nós da enredadeira velenosa que cobre os muros das revolucións petrificadas do século XX
O surrealismo foi isto e isto e isto

Árbol adentro, 1987









29/03/14

Bailarina / GERARDO DIEGO











BAILARINA


A xaponesa treme no arame
sostida

nas catro puntas do seu parasol


Lóstregos rítmicos
agroman dos seus seos

Globos e bengalas
estoupan no ar


E sobre as escumas
retórcense látegos de medusas.


Ao facer un aceno
unha bandada de ás arelantes
cínxelle o corpo todo


Os violíns enredan os seus novelos


Pero ela non perde pé


Pola noite
                                                   dorme sobre unha pata
coas ás pregadas a modo de gravata


Limbo (1951)

24/03/14

tanto me ten



Pouco me importa. 
Pouco me importa o que? Não sei: pouco me importa.







Navio que partes para longe, 
Por que é que, ao contrário dos outros, 
Não fico, depois de desapareceres, com saudades de ti? 
Porque quando te não vejo, deixaste de existir. 
E se se tem saudades do que não existe, 
Sinto-a em relação a cousa nenhuma; 
Não é do navio, é de nós, que sentimos saudade.








O que ouviu os meus versos disse-me: "Que tem isso de novo? 
Todos sabem que uma flor é uma flor e uma árvore é uma árvore." 
Mas eu respondi, nem todos,(*) (...?) 
Porque todos amam as flores por serem belas, e eu sou diferente 
E todos amam as árvores por serem verdes e darem sombra, mas eu não. 
Eu amo as flores por serem flores, diretamente. 
Eu amo as árvores por serem árvores, sem o meu pensamento.


Alberto Caeiro: Poemas inconjuntos


22/03/14

Sobre a podremia universal














"Todo está podrecido. Pero a podremia é coma o esterco. Ben aproveitado serve para que medren as sementes e dean unha nova colleita. Desta podremia teñen que saír novos tempos, unha nova realidade"

Xoán Bernárdez Vilar: Un home de Vilameán: anatomía da revolución irmandiña, Montevideo, 1975

02/02/14

Black and White, 1933, I Ivanov-Vano and L. Amalrik.






BRANCO E NEGRO

A habana, ollada de lonxe,
é un paraíso, un país como é debido.
Baixo as palmas, nos lagos, están
os flamengos a unha soa pata.

Florecen as cores por todo El Vedado.
Na Habana todo está dividido:
aos brancos, dólares;
aos negros, nada.

Por iso, Willie está co cepillo á porta,
na porta de Henry Kley and Broock Limited.
Willie ao longo da súa vida limpou moito lixo, toda unha montaña.
Por iso Willie ten xa pouco pelo,
por iso Willie ten o ventre afundido.

Ben poucas son as súas alegrías.
Seis horas para o sono, e listo.
Do contrario, o inspector de impostos do porto
quítalle unha moeda ao pobre negro.

Pode acaso zafarse desta cotra?
Mira se camiñando coa cabeza
daría xuntado máis lama.
Os pelos son mil e os pés, só dous.
Aquela vez, pasaba pola rechamante rúa Prado.
Soa e prende nel o jazz.

De veras semella ser un paraíso,
A Habana

Mais o cerebro de Willie ten pouca sementeira,
poucas circunvolucións.
O único que aprendeu Willie,
máis firme que as pedras do monumento a Maceo, é
"O branco coma piña madura,
o negro, piña podrecida.
O branco fai traballo branco.
O negro, traballo negro".

Poucos problemas a Willie lle meteron na cabeza,
pero un deles era o máis grave de todos.
E cando este problema empezou a tradear a mente de Willie,
o cepillo caía das súas mans.

E como caído do céo, nun momento así,
abeiróuselle o rei dos cigarros, Henry Kley.
Chegou máis branco ca unha nube
o máis solemne dos reis o rei do azucre branco

O negro foi onda a mole branca e díxolle:
«I beg your pardon, mister Bregg:
Por que o azucre branco-branco
o debe facer o negro-negro?
O cigarro non lle acae ben a vostede
iríalle mellor a un negro de pel negra
e se lle gusta a café con azucre
faga o favor de preparalo vostede só"

A pregunta ten consecuencias.
O rei branco torna amarelo.
Dá media volta o rei e dun pulo guindoulle as luvas.
Florecían arredor os prodixios da botánica.
Os plátanos tecían a súa verde rede.

Limpou o negro, nos seus pantalóns brancos.
as mans, e o sangue do nariz.
Rosmou o negro, con ollos de lume,
ergueu o cepillo, cunha man, e marchou

Como sabía o negro que con esa pregunta
debía dirixirse á lonxana cidade de Moscova?



Vladimir Maiakovski: poemas animados
Director: Iván Ivanon -Banó - Leonid Almarik
Ano: 1932
País: Rusia




01/02/14

Vladímir Mayakovski 1/2 Documentario


















máis obra gráfica de Mayakovski aquí




28/12/13

ABDELLATIF LAÂBI: Todos os desexos




Cette lumière                                        Esta luz
n’est pas à décrire                                non é para ser descrita
elle se boit                                            é para beber
ou se mange                                         ou comer



Le jaune attend le bleu                         A cor amarela agarda pola azul
qui s’attarde avec le vert                      que demorou coa verde
le blanc sourit                                      a branca sorrí
à cette scène ordinaire                         con esta escena ordinaria
du dépit amoureux                               do desprezo amoroso



Habiter son corps                                Habitar o seu corpo
n’est pas aisé                                       non é doado
c’est une maison hantée                       é unha casa odiada
un champ de mines                              un campo de minas
Il faudrait pouvoir le louer                    Cumpriría poder alugalo
juste pour des vacances                       un tempiño



La rosée                                             A rosada
ce n’est que de l’eau                           só é auga
mais c’est une eau amoureuse              pero auga amorosa



Je ne le nie pas                                    Non o nego
l’écriture est un luxe                             a escrita é un luxo
mais c’est le seul luxe                           pero é o único luxo
où l’homme                                         en que o home
n’exploite que lui-même                       non explota máis que a si mesmo



Le prophète détruit les idoles               O profeta destrúe os ídolos
le tyran                                                o tirano
édifie des statues                                  ergue estatuas



J’ouvre la fenêtre                                 Abro a fiestra    
de mon jardin secret                            do meu xardín secreto
Les prédateurs ont tout saccagé           Os predadores acabaron con todo
ils ont emporté                                     mesmo levaron
jusqu’au secret de mon jardin               o segredo do meu xardín



Souvent                                               A miúdo                                    
je me sens diminué                               síntome diminuído
fautif quelque part                                dalgunha maneira culpable
quand on vient me féliciter                    cando veñen felicitarme



Je n’attends rien de la vie                    Nada agardo da vida
je vais                                                 vou
à sa rencontre                                     ao seu encontro




ABDELLATIF LAÂBI
( Tous les dechirements, Éditions de la Différence, 2006)




Web do autor





26/12/13

18/12/13

UN FEIXIÑO DE MILAGROS








Un milagro corrente:
que haxa tantos milagros correntes.

Un milagro ordinario:
o ladrido de cans invisibles
no silencio da noite.

Un milagro coma tantos outros:
 que unha nube miúda e lixeira
sexa quen de ocultar a lúa chea e compacta.

Moitos milagros nun:
un ameneiro a reflectirse na auga
que se vexa invertido de esquerda a dereita
e que medre alí coa copa cara abaixo
e que non chegue ao fondo
pese á pouca profundidade da auga.

Un milagro cotián:
ventos de lixeiros a moderados,
ballóns no medio do trebón.

Un milagro calquera:
as vacas son vacas.

Outro milagro, quéirase ou non:
esta horta e só esta,
desta pebida e só desta.

Un milagro sen frac nin copete:
pombas brancas en desbandada.

Milagro, porque como se non chamalo:
hoxe o sol saiu ás trece e catorce
e porase ás vinte cero un.

Un milagro que nunca sorprenderá o suficiente:
unha ma ten menos de seis dedos,
pero máis de catro.

Un milagro e abonda con abrir ben os ollos:
o mundo omnipresente.

Un milagro tan adicional como adicional é todo:
o impensable 
pódese pensar

WISLAWA SZYMBORSKA: Homes na ponte, 1986








30/11/13

LEI CONTRA O CRISTIANISMO



LEI EN CONTRA DO CRISTIANISMO

Promulgada o día da salvación, día 1 do ano 1 ( o 30 de setembro de 1888, segundo a falsa cronoloxía ao uso).

Artigo primeiro.- Considérase pecadenta toda forma que vai contra natura. A caste de home máis pecadenta é o cura, pois ensina a ir contra natura; contra o cura non valen razoamentos; non cabe máis que a cadea perpetua.

Artigo segundo.- Toda participación nun servizo diviño constitúe un atentado contra a moral pública. Cómpre ser máis inflexible cos protestantes que cos católicos, máis inflexibles cos protestantes liberáis que cos protestantes ortodoxos. Conforme nos achegamos á ciencia, aumenta o que ten de criminal o feito de ser Cristián. Por conseguinte, o máis criminal de todos os criminais é o filósofo.

Artigo terceiro.- Será arrasado o lugar maldito en que o Cristián chocou os seus ovos de basilisco; e, como lugar infame da terra, será o terror de toda a posteridade. Nel medrarán serpes pozoñentas.

Artigo cuarto.- Exhortar a castidade constitúe una incitación pública a ir en contra da natureza. Todo desprezo da vida sexual e toda impurificación dela  ao alcumala de “impura” representa o verdadeiro pecado contra o espírito santo da vida.

Artigo quinto.- Todo aquel que sente a comer cun cura quedará expulsado, posto que facendo iso  estase autoexcluíndo da sociedade da xente decente. O cura é o noso chandala, é dicir, o tipo máis baixo da sociedade. Deberá, pois, ser proscrito; deixarase morrer de fame e será guindado a calquera deserto.

Artigo sexto.- A historia “sagrada” chamarase de agora en diante historia “maldita”, que é o nome que merece. Para rebaixar e designar os criminais empregaranse termos do tipo “Deus”, “salvador”, “redentor” e “santo”.


Artigo sétimo.-  Todo o demais  dedúcese do dito anteriormente.


FRIEDRICH NIETZSCHE: O anticristo


Cometario a pé de páxina: Parece mentira que unha lei tan breve e chea de contido teña máis de cen anos de historia e aínda ningún goberno dos que se consideran laicos se animase a promulgala e facela cumprir para beneficio xeral da poboaciónmundial. Unha semellante debería facerse no mundo islámico para que ese beneficio fose para todas. E como é que sucede isto? Ben, eu creo que o mesmo Nietzsche debeu quedar asustado do escrito que concebiu pola maneira en que nolo legou. A lei anticristiá adosouna ao manuscrito do  Anticristo a modo de epílogo e a continuación tapouna cun folio en branco, de maneira que para descubrila houbo que ver o último folio  a trasluz. Naturalmente, as primeiras edicións do libro non a incluían e a lei liberadora da escravitude cristiá non verá a luz na imprenta ata 1961 da era da infamia. Cousas da computoloxía. Cada vez enténdese mellor por que a flamante e apestosa nova lei de educación LOMCE desterra o estudo da filosofía como materia obrigatoria, está claro que non  pretende máis que novas xeracións de consumidores compulsivos. Ao ministriño que a impulsa eu recomendaríalle encarecidamente a lectura de Nietzsche en versión orixinal, estou segura que co apelido que ten podería abordala sen dificultade.

Pero claro, para ler e entender é necesario algo máis que o coñecemento do idioma. Fai falta mentalidade aberta e amplas miras e este home, Werty, semella non ter nin unha cousa nin outra. Coma todos os políticos en xeral, parece que o único que lle sobra é unha capacidade ilimitada e inasequible ao desalento para facer o máis monstroso dos ridículos. Coa filosofía, desaparecen tamén como materias obrigatorias da educación secundaria as artes plásticas, a música e a tecnoloxía. Ou sexa, señor Wert, non queren vostedes ninguén cun mínimo de autosuficiencia mental, nin de creatividade manual, nin de autoxestión tecnolóxica
. Non vaia ser que naza en España cañí un nietzsche que se lle poña a dar a volta a todo e empece a dicir por aí con razoamentos irrefutables que España non existe, nin existiu nunca, nin nunca existirá. Que empezamos de cachondeo e despois un nunca sabe onde vai parar o conto. Así é que todo dios a misa e ás rebaixas!











02/11/13

DIMO CANTANDO: XABIER BLANCO, ao rescate dos sons máis primitivos.


X















PEQUENAS xoias da literatura e da música popular rescatadas da memoria colectiva por este moañés que tivo o privilexio de xogar dende pequeno polos promontorios do Paralaia, con vistas panorámicas a toda a ría de Vigo e ao mar tenebrorum dos vellos conquistadores. A habilidae do pobo para extraer música dos obxectos máis cotiáns é extraordinaria e éntranlle a unha ganas de empezar a petar en todo. Pon po rron pon porron pon  por ron pon.......ai lala la la la la la la!







27/09/13

democracia ibérica: tortilla sen ovos




PÓDESE DICIR MÁIS ALTO PERO NON MÁIS CLARO



19/07/13

Do pasar de largo / FRIEDRICH NIETZSCHE





Pasando así, de vagar por entre a xente e por moitas cidades, Zaratustra regresaba dando rodeos á súa montaña e á súa caverna. De súpeto chegou tamén á porta da gran cidade; pero alí saiu ao seu encontro un bufón botando escumallo pola boca e cos brazos extendidos. Era o bufon coñecido como "o mono de Zaratustra", pois imitaba un pouco o xeito e o ton dos seus discursos e a miúdo bebía na fonte da súa sabedoría. e o bufón faloulle deste xeito a Zaratustra:

" Oh, Zaratustra!, velaquí a gran cidade: aquí nada tes que gañar e todo que perder.
Por que haberías de camiñar por este fango? Apiádate dos teus pés! Mellor que cuspas á porta e deas media volta!
Esta cidade é o inferno dos pensamentos de solitarios: aquí os grandes pensamentos son cocidos vivos para seren reducidos a papa!
Aquí podrecen todos os grandes sentimentos; aquí só valen sentimentos magros e desmedrados!
Non oles xa os matadeiros e tabernas do espírito? Non está envolta esta cidade no bafo do espírito sacrificado?
Non ves as almas pendurar tal panos de fregar porcallentos? E aínda fan xornais con estes ganapos!
Non te decatas de como o espírito se converteu en xogo de palabras? Derrama repugnante enxaugadura de palabras!- E aínda fan xornais con esta enxaugadura!
Provócanse uns aos outros, sen saber o motivo. Encirran uns nos outros, e non saben para que. Fan soar a súa calderilla de cobre e o seu ouro.
Son fríos e procuran a calor na augardente, son ardentes e procuran a frescura en espíritos de xeo. Todos son doentes e están infectos de opinións públicas.
Aquí danse cita todos os praceres e todos os vezos; mais tamén hai aquí virtuosos, moita virtude lista e alistada; - moita virtude espilida de dedos plumíferos e cachas duras, adobiando o peito con pequenas "estrelas".
Hai tamén aquí abonda piedade, abonda adulación servil ante o Señor dos Exércitos.
Do alto caen as "estrelas" e pinga o cuspe augusto; cara as alturas aspira todo peito carente de "estrelas" e cachas endurecidas a forza de agardar.
" Eu sirvo, ti serves, nós servimos" - así reza toda virtude solícita elevando pregarias ao príncipe, para que a "estrela" merecida veña á fin engalanar o fraco peito!
Do xeito en que a lúa vira arredor de todas as cousas terreas, así tamén o príncipe vira aínda arredor da cousa máis terrea: o ouro dos tendeiros.
O Señor dos Exércitos non é un deus dos lingotes de ouro; o príncipe propón, pero o tendeiro dispón!
Por todo o que en ti hai de limpo e forte e bo, oh, Zaratustra, cuspe nesta cidade dos tendeiros e lisca sen mirar cara atrás.
Aquí todo o sangue corre pútrido e tépedo e escumento polas veas; cuspe á gran cidade onde escumexa a carón da escoura!
Cuspe á cidade dos importunos, os insolentes, os chupatintas, os rexoubeiros e os febrís ambiciosos, - onde medra todo o morboso, cobizoso, dubidoso, noxento, tenebroso e licencioso!
Cuspe á gran cidade e dá media volta!"

Neste punto Zaratustra interrompe o bufón tapándolle a boca escumallenta.

Acabarás! - exclamou - Danme bascas verte e oírte falar!
Tanto tempo levas no fango, que viraches ra e sapo?
Non corre agora polas túas veas sangue mesto, podre e escumento, que che fai botar pestes desta maneira?
Por que non liscaches a vivir ao bosque. Ou traballar a terra? E que non hai illas verdes abondas no mar?
Desprezo o teu desprezo; e se me advertiches a min, por que non te advertiches a ti mesmo?
Só dende o amor, non dende o lixo, ha erguer o voo o meu desprezo e o meu paxaro previsor!
Chámante o meu mono, frenético demente; pero eu chámote o meu porco roñón - de tanto roñar vasme estragar o eloxio da necidade!
Que foi o que primeiro te levou a roñar? Que ninguén te gabase abondo; - por iso te xuntaches a esa inmundicia, para teres motivo de roñar ben, - para teres motivos para te vingares ben! Pois todo o teu tronar é vinganza, fachendoso toleirón; a min  non me enganas!
Pero as túas palabras necias fanme mal, mesmo cando levas razón! E mesmo que as palabras de Zaratustra tivesen cen veces razón, ti sempre me poñerías doente con elas!"

Así falou Zaratustra. E dirixiu unha ollada á gran cidade, saloucou e calou por un tempo. Á fin dixo así:

Dáme tanto noxo esta gran cidade coma este necio. En ningún caso nada se pode facer, non poden volverse nin mellores nin peores.
Ai desta gran cidade! Xa me gustaría a min ver a columna de lume que ha consumila!
Pois tales lumieiras deben vir do gran mediodía!. Pero todo chegará e conforme o seu destino!
En canto a ti, necio, antes de partir dígoche isto: onde no  pode máis amar, un debe pasar de largo!"

Así dixo Zaratustra e pasou de largo, deixando atrás o necio e a gran cidade.


FRIEDRICH NIETZSCHE :  Así falou Zaratustra, 3ª parte.






         EDVARD MUNCH: Retrato de Nietzsche, 1906









16/07/13

Do país da cultura / FRIEDRICH NIETZSCHE





" Adentreime voando de máis no futuro e fun presa do horror.
E cando mirei ao meu redor, velaí que o tempo era o meu único contemporáneo!
Entón volvín atrás, fuxindo cada vez máis rápido- así cheguei a vós, os homes do presente, e ao país da cultura.
Por primeira vez cheguei ben disposto cara a vós, mesmo ateigado de saudosa angueira.
Pero, que me pasou? A pesar da miña vergoña tiven que rir!. Nunca vira nada tan parrandeiro!
Rin a cachón, mentres me tremían as pernas e o corazón. Velaquí a patria de todos os cacharros de colores!"- dixen eu para min.
Coas caras e membros salferidos de cincuenta manchas estaban aí sentados, os homes do presente, con gran sorpresa pola miña parte!
E rodeados de cincuenta espellos que afagaban e reflectían o voso xogo de cores!
Non poderiades levar, homes do presente, máscara máis adecuada que o vos propio rostro! Calquera vos recoñecería!
Cubertos dos signos do pasado, e aínda estes signos tisnados de novos signos - que ben puxestes o gabán de todos os intérpretes de signos!
Aínda cando os augures examinasen as vosas entranas, quen suporía que as tendes?
Os vosos veos son un catálogo recheo de todos os tempos e pobos; nos vosos acenos falan todos os credos e costumes.
Quen vos tirar os veos e mantos e cores e acenos, quedaría co xustiño para compór un espantallo.
Eu mesmo son un paxaro espantado que vos viu espidos e sen cores; e fuxín voando ao facerme o esquelete sinais de amor.
Preferiría andar ao xornal no reino das sombras do pasado!
Mesmo aí abaixo hai máis plenitude que entre vós!
O que me ten amargado é que non vos soporto nin espidos nin vestidos, oh, homes do presente!
Todo terror de futuro e todo canto unha vez axotou paxaros perdidos, é máis reconfortante e acolledor que a vosa "realidade"!
Pois dicides: " Somos reais cen por cento, sen fe nin superstición". Así vos enchiades de orgullo, sacando peito - Ai, sen peito!
Como poderiades crer vós os esborranchados! - Pinturas de todo canto unha vez foi creado!
Sodes refutacións andantes da mesmísima fe e derreadores de todos os pensamentos. Eu chámovos, señores reais, indignos de creto!
Todos os tempos rexoubaron uns contra outros no voso espírito; e os soños e necidades de todos os tempos foron máis reais ca vosa lucidez!
Sodes estériles; velaí por que non credes en nada. O creador sempre tivo tamén os seus soños - verdades e signos luminosos- e cría na fe!
Sodes porta entornadas onde agardan sepultureiros. E a vosa realidade é esta: "todo ten de perecer".
Ai, estades no puro óso, nin chisco de tallada vos cobre as costelas! E máis de un entre vós decatouse diso el soíño - e dixo: - "Tiraríame algo un deus mentres durmía? Abondo, por certo, para crear unha muller!
É sorprendente a pobreza das miñas costelas!" - isto manifestou xa máis de un de vós, os homes do presente.
Dádesme  risa, homes do presente! Sobre todo cando ficades apampados de vós mesmos!
E ai de min se non puidese rir do voso asombro e tiver que tragar a lavadura que enche o voso prato!
Prefiro tomarvos a broma, pois teño que levar unha pesada carga ; que importa que escaravellos e insectos pousen nela!
Non por iso resultará máis pesada! E non habedes ser vós, os homes do presente, causa da miña gran fatiga. 
Ai, onde está o cume que eu aínda poida gabear co meu anhelo? Dende todas as cimas ando á procura de patrias e nais terras.
En ningures dei cun fogar; ando sen rumbo por todas as cidades e saio por todas as portas.
Estraños e ridículos encontro os homes do presente aos que aí atrás me levou o desexo; estou desterrado de todas as patrias e nais terras.
É así que xa non amo máis que a terra dos meus fillos, a terra ignota, a perdida no mar máis lonxano, cara ela emproan teimudamente as miñas velas.
Nos meus fillos quero reparar o ser eu o fillo dos meus pais - e en todo futuro- este presente!

Así dixo Zaratustra



   FRIEDRICH NIETZSCHE:  Así falou Zaratustra, 2ª parte











06/07/13

Ser e estar / M. BENEDETTI









SER E ESTAR

Oh  marine
oh  boy
unha das túas pegas consiste en que non sabes
distinguir o ser do estar
para ti todo é to be

así que probemos a aclarar as cousas

por exemplo
unha muller é boa
cando entoa desafinadamente os salmos
e cada dous anos muda de frigo
e leva mensualmente o seu can ao analista
e só enfronta o sexo os sábados á noite

en cambio unha muller está boa
cando ollas para ela e pos os atónitos ollos en branca
e imaxínala e imaxínala e imaxínala
e mesmo consideras que tomando un martini che virá a coraxe
pero nin con iso

por exemplo
un home é listo
cando obtén millóns por teléfono
e evade a conciencia e os impostos
e abre unha boa póliza de seguros
a cobrar chegado aos setenta
e sexa o momento de viaxar en excursión a capri e a parís
e consiga violar a gioconda en pleno louvre coa
vertixinosa polaroid

en cambio
un home está listo
cando vostede
oh marine
oh boy
aparece no horizonte
para inxectarlle democracia

MARIO BENEDETTI, Antoloxía persoal, 1984



foto mosaico realizado con fotagrafías de soldados estadounidenses mortos en Irak

Joe Wezorek




04/07/13

Que democracia?





¿Qué Democracia?-Documental from Partido Pirata Argentino on Vimeo.


En Europa é obrigatorio o voto, so pena de multas, en Chipre,Bélxica, Italia, Grecia e Luxemburgo. A cantidade a pagar vai, segundo o país e a reincidencia, dende os 25 ata os 1000 euros. Pero parece que na Arxentina o pecado da abstención págase co cárcere. Incrible, liberdade obrigatoria!

Na 1ª parte do documental sae un pizarrón con números. É a parte que máis me gusta. Eu xa fixen ese exercicio matemático cos resultados de varias eleccións ao parlamento de Galicia. E case podo asegurar que nunca na autonomía bananeira de Galicia , coa súa longa traxectoria abstencionista, houbo unha clara e real maioría gobernando. Aquí sempre gañamos os que non xogamos, pero o xogo continúa e os que non participan, sinxelamente, non existen. Agora, iso si, gobernar, gobérnase para todos. E os cartiños , a terra e a dignidade roubadas, ser son de todos. 

Parabéns por esta gloriosa exposición sobre a situación da seudodemocracia no sistema ultracapitalista. A capacidade que ten o político profesional para asumir o máis espantoso rídículo semella infinita. A súa impunidade tamén. E a nosa capacidade de abediencia parece que nos relega, cada vez máis, a escoller quen vai ser o seguinte matarife, quen vai comandar por unha tempada no matadeiro da carnicería democárnica.





burbulla do voto compulsivo













01/07/13

CHUVIA DE OURO





RECEITA UNIVERSAL PARA FACER SOPA CÁUSTICA QUE FAI QUE CHOVA OURO, CASE POLA CARA BONITA E AÍNDA POR RIBA CON SUBVENCIÓNS.


Necesitará vostede cada un dos 365 días do ano os seguintes ingredientes:

1. Terra roubada para arrasar

2. O silencio mediático e o beneplácito das autoridades, escollidas democraticamente para tal fin.

Pasemos aos detalles técnicos:

3. 6 toneladas, que son 6.0000 quilos,  de CIANURO DE SODIO 

4. 1.000.000 de litros de auga directamente collidos dos acuíferos inmediatos. Pode vostede chegar a necesitar mesmo 1.000 litros de auga por segundo. Non pasa nada, esa auga volve por onde se poida aos mesmos acuíferos, felizmente enriquecida coa nosa sopa química. Unha marabilla.

5. 42. 000 toneladas de rocha dinamitada, para o que necaesitará facer

6. Dúas ou tres explosións diarias, unha por cada telexornal de ocultamento de información, para as que necesitará 7 toneladas, 7.000 quilos de nada, de explosivos. Eta mata.

7. Diariamente, deberá vostede tamén moer 3.000 toneladas de rocha rebentada ata obter unha fina farina de rocha en po.

8. 400 quilos de ÁCIDO CLORHÍDRICO,

+

   400 quilos de SODA ou SOSA CÁUSTICA

+

  46 quilos de LITARGIRLO

+

  23.000 quilos de cal

+

  2.500 quilos de XOFRE


Todos estes ingredientes químicos son tóxicos e mesmo letais, pero vostede non se preocupe, non terá que manipulalos vostede persoalmente.  Hai moitísima xente no paro que firmará de puño e letra inmediatamente calquera proposta laboral. Ademais están os nativos desertores da agricultura tradicional, os que queren fuxir do contacto coa terra como da peste e non dubidarán en vender o que faga falta e mesmo venderse a si mesmos por un soldo fixo.
Así é que se a vostede lle fai ilusión unha tormenta dourada, non hai problema ningún, para que habiamos querer a Terra senón para rebentala? Aquí todo o mundo gaña!










23/06/13









no punto de mira dos ollos do vampiro